quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Primeiro día de escola

Hoxe, POR FIN, empezamos no instituto. Presentáronnos a un montón de profes e ao director e a verdade é que todo o mundo foi moi amable. Asignáronnos a cada un co seu xefe de departamento. A miña xefa é de orixe checa (aínda ten algo de acento) e unha forma de ser digamos que "peculiar". Dende logo non segue as normas que nos dixeron onte sobre como se dirixen os profes aquí aos seus alumnos. Por poñer un exemplo, unha das alumnas do grao 12 (2ºBacharelato) non vía unha cousa de simetría na gráfica dunha función e díxolle á profe que para ela era igual que nun caso previo. A resposta da profe foi preguntarlle se estaba enganchada ao crack, co que todos riron e ao final non pasou nada. En fin, todo un personaxe.
Hoxe estiven toda a mañá con ela (dúas clases completas e parte doutra). As clases aquí (chamadas periods) duran 76 minutos seguidos e os rapaces teñen catro na mañá: dous seguidos cun descanso de 4 minutos no medio para que cambien de aula, unha hora para comer (ás 11:40, nin máis nin menos) e dous períodos máis. É dicir, só teñen catro asignaturas ao día e todos os días teñen as mesmas catro durante un semestre; noutro semestre teñen outras catro materias e iso é todo. Pero estoume enrollando; dicía que fun a dúas clases e ao final doutra (dúas dos rapaces maiores e unha dos pequenos, o noso 3º de ESO). Estiven observando o que facían e a primeira impresión, deixando de lado os contidos que tratan (coma os nosos), é que a disciplina é moito máis relaxada que nos nosos centros. Vamos, que eu non lle pasaría nin pola metade do que lle consisten aquí, aínda que, claro, é o seu país e alá eles. E foi un comentario xeralizado de todos os do grupo.
Maña falarei a ver se me deixan facer na clase algo máis que observar. Hoxe miraba o que facían os alumnos e custábame estar calado e non irlle dando indicacións ou corrixir algunha cousa nos exercicios de cada un como fago habitualmente. A ver se me deixan desempeñar un papel máis activo e quizais cara o final incluso dar algunha clase.
De todos os xeitos non vou estar con ela todos os días. Parece ser que poderemos ir con outros profes do departamento e incluso con profes doutras materias. Por exemplo, a unha clase de inmersión en francés de xeografía ou historia; ata este curso tamén as tiñan en mate, pero desgraciadamente xa non. Pode ser interesante ver como tratan esas materias con alumnos que non teñen ese idioma como primeira lingua, de feito é o que se supón que estamos facendo nós coas seccións bilingües (coa "pequena" diferenza que a maioría dos alumnos de aquí levan coa inmersión en francés en diferentes materias dende a primaria). Pero ben, seguro que resulta interesante.
No plano lúdico, pola tarde leváronnos á Galería Nacional e resultou mellor do que eu esperaba, aínda que só me deu tempo a botarlle un ollo (tres horas) ás sás de pintura europea do XVII ao XIX. Terei que volver a ver se podo ver algo de pintura canadiana. Por certo, o cadro que nos sorprendeu a todos foi este do Bosco.
Mañá volvo ao insti e o sábado marchamos de fin de semana a Kingston e o parque das Mil Illas. Xa irei contando. E con todo isto xa levamos unha semana por aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário