quarta-feira, 20 de outubro de 2010

Últimos días

Entre onte e hoxe non fixemos máis que despedirnos. Onte no instituto, especialmente da profe de español e contacto noso alí, que nos tratou excelentemente en todo momento. Pola noite fomos ao teatro a ver Romeo e Xulieta coa Compañía Nacional aquí do Canadá e foi duro seguir os diálogos, pero a min gustoume moito.
E hoxe tivemos a despedida coa xente do School Board, cunha barbacoa en casa dunha delas. A verdade é que tivo valor porque meteu na casa os trinta galegos máis uns cantos de Castela-A Mancha que tamén andan por aquí pululando, máis compañeiros de traballo e os pais dela. Menos mal que tiña moita leira arredor da casa porque dentro aquilo parecía o camarote dos irmáns Marx.
Tivemos a típica barbacoa con hamburgesas, cervexa e mashmallows espetados nun pau e tostados no lume. Cantamos, algúns bailaron, fixemos o pallaso e en xeral demostramos que, coma sempre, os galegos non precisamos moito para montar unha ben boa, a diferenza dos nosos queridos pero moi tranquilos anfitrións do Canadá (ou dos nosos compañeiros de profesión castelán-manchegos).
Agora acabo de rematar de atascar a maleta coa roupa, esperando non pasarme do peso máximo. Mañá dareille outro repaso antes de marchar e cruzarei os dedos. E espero que os que leades isto tamén os teñades cruzados porque coa folga en Francia non teño nada claro que vaiamos chegar a Vigo á hora prevista.

E máis nada. Creo que con isto remato este blog. Espero vervos a todos en persoa nun par de días. Pero estade atentos porque parece que lle estou collendo o gusto a isto do posteo e quen sabe por onde vou atacar a próxima vez...

segunda-feira, 18 de outubro de 2010

A recepción do embaixador

Ao revés do anuncio, aquí nas recepcións do embaixador non serven Ferrero-Rocher nin nada que se lle pareza. Hoxe fomos á embaixada de España, aínda non teño moi claro a que. Falounos o agregado de educación e o embaixador e supoño que esperaban que lle cantaramos as marabillas do sistema educativo canadiano e canto temos aprendido. Lamentándoo, non foi así. Algúns intentamos sinalar as cousas que non nos gustaron ou que nos teñen decepcionado do sistema educativo deste país e evidentemente non era o que querían oír. E como tamén houbo xente que non opinaba o mesmo, aquilo acabou nun debate que xa teño moi visto e moi oído en demasiados claustros. En fin,o que nin isto é o paradiso, nin o noso sistema é o inferno e que todos podemos aprender de todos. E non podo dicir que fose unha actividade que me aportara algo, máis ben ao contrario.
O resto do día transcorreu sen máis novidades. O único que realmente nos está a preocupar a todos é a folga en Francia e se poderemos chegar a Vigo o venres.

domingo, 17 de outubro de 2010

O domingo do exceso de comida

Creo o o título dío todo. Que ben comín e ceei hoxe! E canto comín e ceei hoxe! Pero vaiamos por partes como dicía Jack o Destripador. Hoxe supoñíase que ía ser outro día cultureta de museos e cousas similares. O plan era ir ao museo de Ciencia e Tecnoloxía que parece ser que estaba (e está) moi ben. Pensaba chegar alí ás dez, pero ás dez aínda estaba saíndo da cama. A viaxe de onte acabou comigo e é que, sexamos sinceiros por un momento, xa non teño idade para estes atracóns de bus. En resumo, que cheguei sobre as once ao museo e grazas a que a miña anfitriona tivo a amabilidade de levarme en coche.
Como curiosidade sobre o museo, alguén sabía que o brazo robótico das lanzadeiras espaciais americanas é de feito unha invención canadiana? Pois así é e por iso se chama o Canadarm. E na ISS (a Estación Espacial Internacional) hai instalada a versión 2.0 do dito invento. E cantos sabiades que a cadeira de rodas tamén é un invento deste país? Pois se queredes saber máis cousas coma estas, xa sabedes, colledes un avión e vides facer unha visita.
Pero voume deixar de rollo e falar da comida. A nosa profe de contacto aquí no instituto levounos despois do museo a un restaurante hindú, pero do sur da India. Parece ser que este detalle é moi importante, xa que o resto de restaurantes hindús de Ottawa son do norte e a comida moi diferente. Neste tiñan un bufé de cousas deliciosas, empezando con sopa de verduras, arroz, año á pementa, champiñóns con curry, .., e postre e té feito en leite, non en auga. Todo estaba moi especiado, algo picante e delicioso. Despois da comida tomamos un zume feito con mango e iogur, pensado especialmente para calmar o ardor que che quedaba na boca despois de tanta especia. Nin que dicir ten que, sendo bufé, repetín prato e púxenme as botas. Apuntade o nome do local, Coconut lagoon ou Lagoa dos Cocos, no cruce entre St Laurent e MacArthur.
Despois de tan tremenda panzada pensaba cear pouco ou nada, pero xusto ao chegar á casa dime a señora que o seu irmán nos invitara a ir cear á súa casa, nunha vila a uns trinta minutos de Ottawa chamada Almonte. Ela non ve de noite, co cal, se non ía eu e traía o coche de volta, ela tampouco podería ir. Así que me sacrifiquei(?!) e ala fomos. Ceamos estupendamente e o mellor da noite foi coñecer ao sogro do irmán que ten 85 anos recén cumpridos, un sentido do humor particular e que non deixa que ninguén leve o seu coche (un enorme coche americano). O irmán ten unha casa que flipas nun terreo cruzado por un río cunha ponte no medio. A verdade é que daba envexa. En fin, que pagou a pena a viaxe.

sábado, 16 de outubro de 2010

Montreal


Hoxe tivemos a excursión en bus a Montreal e foi sobre todo iso, bus. Tivemos que erguernos moi cedo, pero son dúas horas ida e outras dúas voltas. Que destacaría da visita? A catedral de Notre Dame (que eu xa vira a outra vez que estiven en Canadá), o paseo polo Old Montreal e, sobre todo a comida nunha especie de restaurante xudeu, o Schwartz's. Comemos o típico do local: carne afumada, que sabía parecido ao lacón, de feito estaba cortada en lonchas, aínda que era carne de vaca.
Por certo, o da foto é en realidade unha estatua que fixo alguén (non me preguntedes quen) en 1970 e que está colocada no Old Montreal, ao lado dun Botero. Non sei por que, pero pareceume que esta quedaba mellor na foto.

sexta-feira, 15 de outubro de 2010

O día da presentación

O primeiro que fixen hoxe no instituo foi ir á clase de español e facer unha presentación sobre España. Eu, unha presentación sobre España. Sería gracioso senón fose verdade. Pois alá me fun a falar sobre a estrutura do Estado español e da monarquía, pero sobre todo a aclarar esa estraña idea que teñen aquí de que en España só se fala español. Creo que polo menos iso o conseguín.
No segundo período fun a clase de mate. A profe non tiña moita pint dee querer traballar moito e así foi. Non pegou pancada en toda a clase. Traballei eu bastante máis explicándolle a algún alumno os exercicios de igualdades trigonoḿetricas, razóns de ángulos dobres,...
Despois tería que ter ido a clase con ela no cuarto período, pero coas trazas que tiña aquilo, decidín facer mutis e irme a dar unha volta polo centro de Ottawa e facer unhas compras. Volvín a casa cedo e aquí penso pasar a tarde tirado no sofá. Non todo van ser visitas culturais.

quinta-feira, 14 de outubro de 2010

O museo da guerra

Outra mañá no instituto, aínda que hoxe empezamos de xeito diferente e moito máis cedo. Cando chegamos a este centro dixéronnos que, se cadra, o director nos ía invitar a comer un día para poder falar con calma e bla,bla,bla... Ao final, non nos caeu esa breva, pero o que si fixo foi invitarnos a almorzar... ás oito e media da mañá. Como chiste xa non tiña moita graza, pero como realidade foi peor: ter que erguerse corenta minutos antes para ir almorzar co dire. En calquera caso e deixando de lado esas horas intempestivas de quedar, o almorzo estivo ben e a conversa tampouco andou mal. Levounos a un sitio que lle chaman Baglestore porque teñen os bagles como especialidades (pan con sésamo por riba en forma de dónuts e tirando a chicloso). Eu pedín o "almorzo do leñador", Lumberjack breakfast, que levaba ovos revoltos, bacon, 2 salchichas, 2 pancakes que reguei con abundante sirope de arce e patacas fritidas. Almorcei tanto que seis horas máis tarde aínda non fun capaz de comer nada. Iso é o que se chama unha dieta equilibrada.
No insti hoxe as clases foron bastante aburridas, comparadas con onte. Só nos quedan dous días de clase, o resto temos outras historias que xa vos irei contando.
Pola tarde fomos ao Museo da Guerra, unha das últimas novidades aquí en Ottawa. A priori pode parecer un museo para frikis de batallas e tanques, pero no país do "bo rollo" nada é o que parece. Aínda que hai todo iso, o museo está pensado para facer reflexionar ao persoal sobre o que significan as guerras. Faise un percorrido por todas as guerras nas que ten participado Canadá, dende as guerras cos indios ata as actuais misións de paz das Nacións Unidas, pero en todo momento trátase o factor humano: os soldados e mariñeiros que morreron alí e os que sobreviviron, e as súas familias. Non se falá só de xenerais ou almirantes, senón de todos os que sufriron esas circunstancias. Podes ver cartas, fragmentos de diarios, obxectos persoais, de uso cotiá,.. Ata o propio edificio está deseñado para que te sintas como mareado ou incómodo en determinados sitios, pois así como se supón que ten que facerte sentir a guerra.
Por poñer un exemplo:

Nesta vitrina expoñen dous obxectos. O da esquerda é un oso de peluche que unha nena de 10 anos lle regalou ao seu pai antes de que este marchara para Europa a loitar na 1ª Guerra Mundial. O pai levouno consigo a diario; de feito atopáronllo nun peto o día que morreu na fronte en 1917. O obxecto da dereita é unha carta que a propia nena lle escribiu ao seu pai nese tempo e na que lle conta cousas sobre como lle vai no colexio ou que o bota de menos. O pai non chegou a ler nunca a carta. Cando chegou a Francia, el xa morrera.

quarta-feira, 13 de outubro de 2010

Outro día no insti

Hoxe tiven un día moi bo no instituto. En todas as clases os alumnos estiveron preguntándome cousas, o cal xa me viña pasando cos de grao 9 pero non tanto cos de grao 12. Estivo moi interesante e a min resultoume moi produtivo. De feito esta é a razón pola que me apuntei a esta actividade, para comprobar se podía explicar de xeito coherente contidos de matemáticas en inglés a alumnos que levan toda a vida recibindo explicacións en inglés. Ou dito doutra maneira, para comprobar se estaba facendo as cousas ben. E, modestia aparte, parece que así era. Aquí hai veces que os alumnos non entenden cando lle explico algo, pero o que ocorre é que lle custa pillar mas mates, non o inglés.
De volta a casa paso por diante de moitas casas nesta zona residencial. A xente anda coma tola recollendo as follas que caen das árbores nos seus céspedes. E algúns ata teñen humor para colocar adornos diante das casas coma este: