quarta-feira, 20 de outubro de 2010

Últimos días

Entre onte e hoxe non fixemos máis que despedirnos. Onte no instituto, especialmente da profe de español e contacto noso alí, que nos tratou excelentemente en todo momento. Pola noite fomos ao teatro a ver Romeo e Xulieta coa Compañía Nacional aquí do Canadá e foi duro seguir os diálogos, pero a min gustoume moito.
E hoxe tivemos a despedida coa xente do School Board, cunha barbacoa en casa dunha delas. A verdade é que tivo valor porque meteu na casa os trinta galegos máis uns cantos de Castela-A Mancha que tamén andan por aquí pululando, máis compañeiros de traballo e os pais dela. Menos mal que tiña moita leira arredor da casa porque dentro aquilo parecía o camarote dos irmáns Marx.
Tivemos a típica barbacoa con hamburgesas, cervexa e mashmallows espetados nun pau e tostados no lume. Cantamos, algúns bailaron, fixemos o pallaso e en xeral demostramos que, coma sempre, os galegos non precisamos moito para montar unha ben boa, a diferenza dos nosos queridos pero moi tranquilos anfitrións do Canadá (ou dos nosos compañeiros de profesión castelán-manchegos).
Agora acabo de rematar de atascar a maleta coa roupa, esperando non pasarme do peso máximo. Mañá dareille outro repaso antes de marchar e cruzarei os dedos. E espero que os que leades isto tamén os teñades cruzados porque coa folga en Francia non teño nada claro que vaiamos chegar a Vigo á hora prevista.

E máis nada. Creo que con isto remato este blog. Espero vervos a todos en persoa nun par de días. Pero estade atentos porque parece que lle estou collendo o gusto a isto do posteo e quen sabe por onde vou atacar a próxima vez...

segunda-feira, 18 de outubro de 2010

A recepción do embaixador

Ao revés do anuncio, aquí nas recepcións do embaixador non serven Ferrero-Rocher nin nada que se lle pareza. Hoxe fomos á embaixada de España, aínda non teño moi claro a que. Falounos o agregado de educación e o embaixador e supoño que esperaban que lle cantaramos as marabillas do sistema educativo canadiano e canto temos aprendido. Lamentándoo, non foi así. Algúns intentamos sinalar as cousas que non nos gustaron ou que nos teñen decepcionado do sistema educativo deste país e evidentemente non era o que querían oír. E como tamén houbo xente que non opinaba o mesmo, aquilo acabou nun debate que xa teño moi visto e moi oído en demasiados claustros. En fin,o que nin isto é o paradiso, nin o noso sistema é o inferno e que todos podemos aprender de todos. E non podo dicir que fose unha actividade que me aportara algo, máis ben ao contrario.
O resto do día transcorreu sen máis novidades. O único que realmente nos está a preocupar a todos é a folga en Francia e se poderemos chegar a Vigo o venres.

domingo, 17 de outubro de 2010

O domingo do exceso de comida

Creo o o título dío todo. Que ben comín e ceei hoxe! E canto comín e ceei hoxe! Pero vaiamos por partes como dicía Jack o Destripador. Hoxe supoñíase que ía ser outro día cultureta de museos e cousas similares. O plan era ir ao museo de Ciencia e Tecnoloxía que parece ser que estaba (e está) moi ben. Pensaba chegar alí ás dez, pero ás dez aínda estaba saíndo da cama. A viaxe de onte acabou comigo e é que, sexamos sinceiros por un momento, xa non teño idade para estes atracóns de bus. En resumo, que cheguei sobre as once ao museo e grazas a que a miña anfitriona tivo a amabilidade de levarme en coche.
Como curiosidade sobre o museo, alguén sabía que o brazo robótico das lanzadeiras espaciais americanas é de feito unha invención canadiana? Pois así é e por iso se chama o Canadarm. E na ISS (a Estación Espacial Internacional) hai instalada a versión 2.0 do dito invento. E cantos sabiades que a cadeira de rodas tamén é un invento deste país? Pois se queredes saber máis cousas coma estas, xa sabedes, colledes un avión e vides facer unha visita.
Pero voume deixar de rollo e falar da comida. A nosa profe de contacto aquí no instituto levounos despois do museo a un restaurante hindú, pero do sur da India. Parece ser que este detalle é moi importante, xa que o resto de restaurantes hindús de Ottawa son do norte e a comida moi diferente. Neste tiñan un bufé de cousas deliciosas, empezando con sopa de verduras, arroz, año á pementa, champiñóns con curry, .., e postre e té feito en leite, non en auga. Todo estaba moi especiado, algo picante e delicioso. Despois da comida tomamos un zume feito con mango e iogur, pensado especialmente para calmar o ardor que che quedaba na boca despois de tanta especia. Nin que dicir ten que, sendo bufé, repetín prato e púxenme as botas. Apuntade o nome do local, Coconut lagoon ou Lagoa dos Cocos, no cruce entre St Laurent e MacArthur.
Despois de tan tremenda panzada pensaba cear pouco ou nada, pero xusto ao chegar á casa dime a señora que o seu irmán nos invitara a ir cear á súa casa, nunha vila a uns trinta minutos de Ottawa chamada Almonte. Ela non ve de noite, co cal, se non ía eu e traía o coche de volta, ela tampouco podería ir. Así que me sacrifiquei(?!) e ala fomos. Ceamos estupendamente e o mellor da noite foi coñecer ao sogro do irmán que ten 85 anos recén cumpridos, un sentido do humor particular e que non deixa que ninguén leve o seu coche (un enorme coche americano). O irmán ten unha casa que flipas nun terreo cruzado por un río cunha ponte no medio. A verdade é que daba envexa. En fin, que pagou a pena a viaxe.

sábado, 16 de outubro de 2010

Montreal


Hoxe tivemos a excursión en bus a Montreal e foi sobre todo iso, bus. Tivemos que erguernos moi cedo, pero son dúas horas ida e outras dúas voltas. Que destacaría da visita? A catedral de Notre Dame (que eu xa vira a outra vez que estiven en Canadá), o paseo polo Old Montreal e, sobre todo a comida nunha especie de restaurante xudeu, o Schwartz's. Comemos o típico do local: carne afumada, que sabía parecido ao lacón, de feito estaba cortada en lonchas, aínda que era carne de vaca.
Por certo, o da foto é en realidade unha estatua que fixo alguén (non me preguntedes quen) en 1970 e que está colocada no Old Montreal, ao lado dun Botero. Non sei por que, pero pareceume que esta quedaba mellor na foto.

sexta-feira, 15 de outubro de 2010

O día da presentación

O primeiro que fixen hoxe no instituo foi ir á clase de español e facer unha presentación sobre España. Eu, unha presentación sobre España. Sería gracioso senón fose verdade. Pois alá me fun a falar sobre a estrutura do Estado español e da monarquía, pero sobre todo a aclarar esa estraña idea que teñen aquí de que en España só se fala español. Creo que polo menos iso o conseguín.
No segundo período fun a clase de mate. A profe non tiña moita pint dee querer traballar moito e así foi. Non pegou pancada en toda a clase. Traballei eu bastante máis explicándolle a algún alumno os exercicios de igualdades trigonoḿetricas, razóns de ángulos dobres,...
Despois tería que ter ido a clase con ela no cuarto período, pero coas trazas que tiña aquilo, decidín facer mutis e irme a dar unha volta polo centro de Ottawa e facer unhas compras. Volvín a casa cedo e aquí penso pasar a tarde tirado no sofá. Non todo van ser visitas culturais.

quinta-feira, 14 de outubro de 2010

O museo da guerra

Outra mañá no instituto, aínda que hoxe empezamos de xeito diferente e moito máis cedo. Cando chegamos a este centro dixéronnos que, se cadra, o director nos ía invitar a comer un día para poder falar con calma e bla,bla,bla... Ao final, non nos caeu esa breva, pero o que si fixo foi invitarnos a almorzar... ás oito e media da mañá. Como chiste xa non tiña moita graza, pero como realidade foi peor: ter que erguerse corenta minutos antes para ir almorzar co dire. En calquera caso e deixando de lado esas horas intempestivas de quedar, o almorzo estivo ben e a conversa tampouco andou mal. Levounos a un sitio que lle chaman Baglestore porque teñen os bagles como especialidades (pan con sésamo por riba en forma de dónuts e tirando a chicloso). Eu pedín o "almorzo do leñador", Lumberjack breakfast, que levaba ovos revoltos, bacon, 2 salchichas, 2 pancakes que reguei con abundante sirope de arce e patacas fritidas. Almorcei tanto que seis horas máis tarde aínda non fun capaz de comer nada. Iso é o que se chama unha dieta equilibrada.
No insti hoxe as clases foron bastante aburridas, comparadas con onte. Só nos quedan dous días de clase, o resto temos outras historias que xa vos irei contando.
Pola tarde fomos ao Museo da Guerra, unha das últimas novidades aquí en Ottawa. A priori pode parecer un museo para frikis de batallas e tanques, pero no país do "bo rollo" nada é o que parece. Aínda que hai todo iso, o museo está pensado para facer reflexionar ao persoal sobre o que significan as guerras. Faise un percorrido por todas as guerras nas que ten participado Canadá, dende as guerras cos indios ata as actuais misións de paz das Nacións Unidas, pero en todo momento trátase o factor humano: os soldados e mariñeiros que morreron alí e os que sobreviviron, e as súas familias. Non se falá só de xenerais ou almirantes, senón de todos os que sufriron esas circunstancias. Podes ver cartas, fragmentos de diarios, obxectos persoais, de uso cotiá,.. Ata o propio edificio está deseñado para que te sintas como mareado ou incómodo en determinados sitios, pois así como se supón que ten que facerte sentir a guerra.
Por poñer un exemplo:

Nesta vitrina expoñen dous obxectos. O da esquerda é un oso de peluche que unha nena de 10 anos lle regalou ao seu pai antes de que este marchara para Europa a loitar na 1ª Guerra Mundial. O pai levouno consigo a diario; de feito atopáronllo nun peto o día que morreu na fronte en 1917. O obxecto da dereita é unha carta que a propia nena lle escribiu ao seu pai nese tempo e na que lle conta cousas sobre como lle vai no colexio ou que o bota de menos. O pai non chegou a ler nunca a carta. Cando chegou a Francia, el xa morrera.

quarta-feira, 13 de outubro de 2010

Outro día no insti

Hoxe tiven un día moi bo no instituto. En todas as clases os alumnos estiveron preguntándome cousas, o cal xa me viña pasando cos de grao 9 pero non tanto cos de grao 12. Estivo moi interesante e a min resultoume moi produtivo. De feito esta é a razón pola que me apuntei a esta actividade, para comprobar se podía explicar de xeito coherente contidos de matemáticas en inglés a alumnos que levan toda a vida recibindo explicacións en inglés. Ou dito doutra maneira, para comprobar se estaba facendo as cousas ben. E, modestia aparte, parece que así era. Aquí hai veces que os alumnos non entenden cando lle explico algo, pero o que ocorre é que lle custa pillar mas mates, non o inglés.
De volta a casa paso por diante de moitas casas nesta zona residencial. A xente anda coma tola recollendo as follas que caen das árbores nos seus céspedes. E algúns ata teñen humor para colocar adornos diante das casas coma este:

terça-feira, 12 de outubro de 2010

An uneventful day

Un día sen grandes novidades. No insti máis ou menos igual. Pola tarde fomos ao cine a ver a última de Woody Allen, "You will meet a dark tall stranger". Eu xa a vira alá antes de vir, pero apetecíame vela en versión orixinal e ademais era "ghratis"; así que, por que non? Sigo pensando que é unha película máis ben mediocre, como a maioría das últimas de Allen, nada como as que fixo nos 90, pero segue sendo mellor que a maioría da porquería que botan habitualmente no cine.
Unha anécdota: a mañá intentei ir a unha piscina nova. Estaba farto de ter que apartar dos vellos que andan paseando na de Dovercourt. Resulta que hai unha con moi boa pinta no centro xudeu, preto do instituto e á que pode ir calquera. O único problema: a entrada custa 15 dólares (15!) cada vez que vas, co cal, evidentemente, nin fun nin penso ir. Sen máis comentarios

segunda-feira, 11 de outubro de 2010

Thanksgiving no Parc Omega


Hoxe pasamos o día de Acción de Grazas no Parc Omega en Quebec, a unha hora e pouco de Ottawa. Levounos a profe que temos como contacto no instituto de aquí. Trátase basicamente dun parque no que entras co coche e podes ver fauna de Canadá e alimentala (con cenorias) sen saír do coche. As cenorias polo menos aos herbívoros; aos lobos, coiotes e osos non lles botas nada. Comemos de picnic alí e á volta (despois de montar noutro ferry coma en Kingston) levounos a cear a súa casa unha típica cea franco-canadiana, na que tamén houbo pavo, só que en forma de salchichas. Despois da cea acendeu o lume na lareira do salón e pediulle á filla que nos tocase o piano mentres tomabamos café. Impagable.
Eis algunhas imaxes do día:


domingo, 10 de outubro de 2010

Avións e pavo (non necesariamente nesa orde)

Así resumiría este domingo. Mañá é o día de acción de grazas aquí no Canadá e o pavo é o protagonista de comidas e ceas. No meu caso, a señora da casa invitoume a cear hoxe en casa da súa irmá coa familia. Eramos 9 á mesa e por suposto comemos pavo, con puré de patacas, salsa, patacas doces e torta de chocolate de postre. Tradicional. A novidade foi que serviron viño español, supoño que na miña honra (de feito, só había unha botella de Tempranillo, a outra era un viño portugués, pero como queda ao lado...). A verdade é que o pasei ben, todo o mundo foi moi amable e foi toda unha velada de inmersión lingüística e cultural total.
O dos avións ven porque pola mañá fun ao museo do espazo e da aviación (o espazo non apareceu por ningures, pero o museo chámase así). Teñen avións de todas as épocas, dende biplanos dos anos 20 e 30, cazas británicos Spitfire e Hurricane da 2ª Guerra Mundial, un F-18, un MIG-21, helicópteros, cazas da mariña,... Asombroso. Ata fixeron unha demostración sobre o casco e o traxe que levan os pilotos de combate na actualidade. Pero deixade que as imaxes falen por min:

Aquí está o menda diante dun bombardeiro británico Lancaster da Segunda Guerra Mundial:

Este é un avión-foguete alemán de finais da Segunda Guerra Mundial, o Komet. Como é un foguete cada vez que despegaba só tiña combustible para derrubar un bombardeiro aliado antes de caer de novo a terra.

Dúas fotos dentro da cabina de mandos dun MIG-21 soviético autentico


E por último, o futuro da aviación de combate:

sábado, 9 de outubro de 2010

Parc de la Gatineau/ Gatineau Park

Así, nas dúas linguas, como está todo neste país. Polo menos neste lado do río, no lado quebequés está todo só en francés. Hoxe fun ao parque e estiven andando un pouco máis de cinco horas. E era momento xusto de ir. O outono en toda a súa plenitude. As follas xa cambiaron de cor e cobren os camiños. E a pesares do frío, facía un espléndido día de sol. O día perfecto. Para mostra, aquí vos van unhas fotos:




E este video podería usalo para empezar a 2ª parte da Bruxa de Blair:

sexta-feira, 8 de outubro de 2010

GO, SENS, GO!

Hoxe vou falar pouco do instituto. Principalmente porque non teño moito que contar, pero sobre todo porque, o pouco que fixemos hoxe foi, como diría eu, pouco habitual (incluso para o que é este país). So direi que fomos a unha clase de español e polo medio acabaron bailando salsa (ou algo que non se lle parecía en nada), fixeron o tren pola aula e polo corredor a ritmo de Compay Segundo e puxeron sombreiros mexicanos... Facer miles de quilómetros para isto....
Conste que despois os alumnos estiveron a facernos preguntas sobre "cultura española", pero con todo, cando saín de alí, sabía que precisaba ir a unha clase de mate. Polo menos alí non bailan.
E vamos xa co principal do día. O partido de hockey dos Senators (Sens para abreviar) e os Sabres de Buffalo (ianquis!). Foi unha experiencia incríble, aínda que non o pareza. O estadio xa é unha pasada e todo o espectáculo foi impresionante. Empezando polos sitios nos que estabamos; enriba de todo, no que lle chaman o Ledge, que resultou ser a zona do restaurante. Os asentos eran taburetes de bar, moi cómodos, cunha barra enfronte e do outro lado da barra o resto do estadio e a pista. É dicir, estivemos ceando e bebendo, sentados a barra e vendo todo o show. E digo show, porque así é. O partido ten tres partes de 20 minutos cada unha, pero como paran o xogo cada dous por tres, cada parte acaba durando, co descanso, sobre unha hora. Pero non che dan ocasión para que te aburras. Cando o xogo se para, sempre hai música, ou sacan a xente do público nos monitores, ou fan concursos (por exemplo, poñen nos monitores "Berra se és fan dos Sens!" e todos berrando claro). Nun descanso fixeron unha carreira de coches teledirixidos, con obstáculos, na propia pista de xeo. Está todo pensado para que non te aburras nin un intre. E a comida, no noso caso, os do Ledge, ía incluída na entrada: un plato (canelóns collín eu) e logo podías repetir as veces que quixeras no bufet de ensaladas. Para compensar, cobraban a cervexa a prezos desproporcionados: un vaso pequeno de Molson Canadian, cervexa do país, cobráronmo a 6 dólares con 50 centavos.
Con todo isto, era imposible non deixarse levar e animar o equipo (Go, Sens, Go! é que o berraban e berramos nós tamén, algo así como "vamos, Sens, vamos!). Cantamos, fixemos o indio (vai sen segundas) e total, para acabar perdendo 2-1. Unha pena.
Ei van as fotos:
O exterior do estadio, o Scotia Bank Place:

A pista antes de comezar o partido:

Nun momento do partido (e si, xa sei que a penas se me ve):

quinta-feira, 7 de outubro de 2010

Museo da civilización

Boas novas, non estropei o programa de exames e todo saiu ben. Así que non, non me van deportar de Canadá... Aínda.
Pasei as dúas primeiras clases da mañá con outra profe e é a primeira que vexo aquí que de verdade ten controlada a clase. Dá pouquísima materia, coma todos, pero polo menos están calados e sen os cascos dos ipods. Terei que volver outro día, a ver se se mantén. Á última volvín cunha das de onte, e o mesmo caos de sempre. Iso si, aprendín algunhas expresións que me poden ser útiles. Menos mal.
Pola tarde fomos o grupo enteiro ao museo das civilizacións, ao que eu xa fora hai cinco anos. Fixemos a visita guiada máis rápida de toda a historia das visitas guiadas. E cunha tipiña que falaba inglés como un indio apache das películas. Mal. O museo é impresionante e merece outra visita. Sen guía, claro.
Mañá pola tarde imos a ver un partido de hockey sobre xeo da liga nacional NHL entre o equipo de Ottawa, os Senators e o equipo de Buffalo, os Sabres. Disque vai ser todo un espectáculo, sobre todo, ver como se pon de tolo o persoal. O chiste neste país é que o hockey é o único momento no que os "nativos", eles sempre tan civilizados, se poñen como posesos para, ao saír do estadio, recuperar a cordura. Farei fotos.

quarta-feira, 6 de outubro de 2010

Un descubrimento

Pois si, hoxe, por fin, fixen un descubrimento no insti. Algo que fan aquí, que nos non temos e que si é toda unha novidade. E útil ademais. O invento consiste nun programa para facer exames. Danlle a cada alumno un mando no que introducen o seu número de identificación e con ese mando responden ás preguntas. As respostas poden ser verdadeiro/falso ou un número (enteiro ou fracción). Non sei se se poden poñer letras, pero pódese utilizar para facer tests simples dun xeito moi rápido. Unha vez que rematan, o programa corrixe a proba e dáche por exemplo nunha folla de cálculo os resultados de cada alumno, de toda a clase e por pregunta. Así resulta moi fácil ver en que preguntas teñen máis problemas e cales controlan e todo moi rapidamente.
De feito mañá teñen un exame e a profe pediume se me podía encargar de manexar o programa, xa que ela mañá non ven e a substituta non sabe usalo. Só espero non meter a pata e que se perdan as notas. Iso si que faría que se acordaran de min durante anos

terça-feira, 5 de outubro de 2010

O día da bici

Outra mañá no insti. Un pouco mellor. Os pequenos empezaron a preguntarme directamente dúbidas mentres facían os exercicios, co cal empezo a sentirme algo útil na aula. A última hora fun a clase con outra profe de mate, aínda que a situación e os problemas na aula son os mesmos. De todos os xeitos, mañá volverei a pasar unha clase con ela porque lle dá clase a un grupo de grao 10 (4ºESO) e quería ir a clase de mate de todos os niveis.
Á tarde leváronnos a dar un paseo en bici. Polo menos levaron aos outros. Supúñase que tiñamos que atoparnos no sitio de aluguer das bicis (no centro, ao lado do Rideau Centre) ás catro e media, pero como todos chegabamos dende sitios distintos, mandáronnos un mail dicindo que ían esperar ata as cinco. Total, que cheguei tarde, xusto ás cinco e xa marcharan. O señor da tenda de aluguer díxome que marcharan había 15 minutos e que se apuraba aínda os podía coller. E saín como un foguete, pedaleando coma tolo. Despois de 40 minutos acabouse o camiño para bicis, pero nin rastro dos grupo. Dei volta e atopeinos xusto na tenda cando xa marchaban. Cal foi o problema? Ao pouco de empezar, cruzaron o río e foron pola outra beira. Un desastre! Pero o paseo mereceu realmente a pena. Fixo moi boa tarde, con sol e a temperatura adecuada. Teño que repetilo, pero con moitaaaa máis calma.

segunda-feira, 4 de outubro de 2010

Volta ao cole

De novo na escola e en luns. Isto segue máis ou menos igual. Un dos grupos dos maiores teñen mañá un exame e hoxe pasaron os 76 minutos de clase repasando ou algo parecido. Algúns facían os exercicios, outros falaban sen parar e outros coma sempre simplemente estaban enganchados ao ipod. E algúns incluso lle preguntaban dúbidas á profe, pero individualmente na súa mesa. En conxunto, creo que foi unha clase perdida, principalmente porque fixeron hoxe o que se supoñe que tiñan que facer cada día: preguntar dúbidas e facer os exercicios entre todos para que as cousas quedaran claras. En fin...
Os de 3º ESO tiñan hoxe o día de presentación de proxectos. A verdade é que tiña curiosidade por saber que era iso. Os proxectos conisitían en que cada alumno escollía un número natural e preparaba nunha presentación con dez datos sobre ese número, dous deles relacionados coas mates; por exemplo o 12 é un número composto, os apóstolos eran 12 e cousas así. Presentaban os datos ante a clase individualmente e tamén nun póster que logo pensan colgar na aula. Non estivo mal, pero sinceramente resultou un pouco infantil para terceiro de ESO. Quizais o ano que ven faga algo similar, pero cos de 1º.
E deixando xa o insti, hoxe si que fun, por fin, á piscina. Aproveitei para ir a hora da comida e penso facelo así cada día (así ademais puiden comer a unha hora normal, ás dúas). A piscina é un pouco rara; ten forma de 4 círculos unidos coma un trébol e a estaxe para nadar pasa polo medio. O único problema é que a esa hora á que podo ir, tamén hai unha estraña clase para xubilados que non deixan de cruzarse polo medio. Haberá que adaptarse.

domingo, 3 de outubro de 2010

Kingston (2ª parte)

O segundo día de Kingston foi algo raro. Pasamos moito tempo conducindo e vendo realmente moi pouco. Primeiro porque á mañá Fort Henry (unha fortificación de 1838 con vistas á fronteira ianqui) estaba pechado e despois porque baixamos moito pola beira do río (aínda que había boas vistas do lago) e tivemos que facer un carro de quilómetros para volver a Ottawa e boa parte deles xa de noite. Ademais perdemos de vista no regreso aos do outro coche e a esta hora que xa estou na casa, metido da cama e a piques de arrancar a durmir, non sei aínda se chegaron (espero que si) ou mellor dito, a que hora chegaron. Nós ás nove menos dez deixamos o coche de aluguer (tremendo Ford Escape, mirade unha foto de internet del) no parquin da axencia e eu puiden coller de seguido un bus para casa. Ás dez xa estaba á mesa e ceando.
Unha cousa curiosa foi que, mentres baixabamos pola beira do río, acabouse a estrada e tivemos que coller un ferry. Ou para ser máis precisos, tivemos que meter o coche nun ferry para pasar a unha illa. Non foron máis aló de 5 minutos de travesía, pero para min foi toda unha novidade.

E hoxe si que podo subir fotos:
Isto é dende fóra do Fort Henry (atención ao detalle macabro do fondo!):

En Kingston tamén hai unha academia de enxeñeiros militares. Este tanque Leopard está na porta:

A que parece unha imaxe doutra época? Só faltan Bonnie e Clyde ou Al Capone:

sábado, 2 de outubro de 2010

Kingston

Para o caro que é este hotel no que nos atopamos, menuda porquería de cobertura wifi (así que hoxe non vou subir fotos e iso que tiña un par delas ben chulas). Estamos en Kingston, a unhas 2 horas ao sur de Ottawa, na beira do río San Lourenzo. Fixemos un cruceiro polas Mil Illas, que resultan interesantes porque son moi pequenas, moi verdes e en todas hai casas. Á maioría só se pode chegar en barca.
Despois viñemos a ver Kingston, unha cidade antiga para o que é Canadá. Ceamos nun cambodiano~tailandés, moi ben por certo e despois de tomarlle unha nun pub con música en directo, viñemos, algúns, para o hotel.
Xa para rematar e antes de que me abandone a wifi, tiñades que ver os "peazos" 4x4 que alugamos. A todo trapo.

sexta-feira, 1 de outubro de 2010

Segundo día de escola

Foi algo mellor a cousa. Para non estar papando moscas toda a hora, falei coa profe de mate de aquí e díxome que non tiña ningún problema en que lle fora corrixindo cousas aos alumnos. E así fixen con algúns dos que se sentan polo fondo. Ao primeiro poñíanme cara de "de que vas?", pero supoño que ao ver que sabía do que falaba se convenceron. Por iso a mañá pasoume moito máis rápido e estiven máis entretido. Para a semana penso continuar con esta política.
Volvendo á clase, non deixa de sorprenderme o pouco caso mutuo que se fan os alumnos e os profes (falo pola que me tocou a min, pero polo que escoito parece estar moi extendida esta práctica). Esta pon exercicios e corríxeos no encerado, pero en ningún momento destes dous días foi máis aló da primeira fila, nin mirou o que andaban a facer. En canto pode, senta e ponse a corrixir fichas. Quizais isto sexa o normal aquí, pero non me cadra co meu xeito de traballar. Os rapaces, especialmente os pequenos, precisan unha maior supervisión.
E xa non falo do comportamento na aula. Nese tema estamos todos diría que escandalizados. Non só polas gorras, que sería o de menos, senón porque están na aula cos cascos dos ipods postos, escoitando música, mandando mensaxes co móbil cun descaro soberano e erguéndose cando lles peta. A min férveme o sangue a maior parte do tempo. E para colmo, hoxe a última hora, faltando quince minutos para tocar, vai a tipa e para de explicar e ponse a mirar o correo, mentres os alumnos empezaban a montar a de sanquintín, momento no que acordei facer mutis e marchar.
Unha cousa boa que si teñen e que me gustou é que os venres no meu insti teñen o que chaman DEAR (literalmente quere dicir "querido/a", pero que son as siglas de Drop Everything And Read, ou o que é o mesmo, déixao todo e le). Ao final no primeiro período avisan polo altavoz que empeza o DEAR e todos, profes e alumnos, deixan o que estean facendo e adican 20 minutos a ler en silencio. A esa hora estaba cun grupo dos pequenos e a verdade é que todos se puxeron co tema. Para os que non trouxeran libros, tiñan na aula exemplares vellos do National Geographic. E eu tamén levei o meu libro, claro. E si que creo que é unha boa iniciativa, pero non vexo como un claustro de profes de alá aceptaría algo como iso. Aquí parece que o levan ben (e insisto no de parece).
Outra curiosidade: o primeiro que fan antes de empezar coas clases é poñer o himno nacional polos altavoces e todos se poñen de pé, onde queira que estean, e escoitano en silencio e mortalmente serios. Iso si que dá un pouco de mal rollo (como para que se che escape unha risiña polo medio; seguro que te sacan ao patio e te fusilan).
E xa lle chega por hoxe da escola; xa contarei máis o luns. Mañá marchamos de fin de semana para Kingston en coche un grupo de 10. A ver se atopo unha wifi á noite e podo postear algo.